Saúdo de pretemporada

ENTRENO DEPOR

Quedan vinte dias pra que empece a liga e vós, mauros de Sada, estoyanoffs de Malpica, djalmas dos Castros, poñedes a camisola e saídes á rúa con ritmo africano, porque algo sona na baia. Algo diferente que non é a peza frontal da cachola de Víctor Fernández batendo nun bombo nen a neurose no caldo nen a ortopedia da morte. Respirades outra vez, camiñades con ganas. Tedes o bicho no corpo porque desde o gol de Salo en Barcelona todo ven cheirando a empanada de Rozas, e queredes materializar, zouparlle un par de ostias ao motor da nave (que merda de notas daba!) e fundirvos co voso equipo nunha aperta cósmica que restaure todo aquelo que perdíchedes nesas tardes pegañentas sen berros, sen carreiras decentes pola banda, sen un mísero disparo a porta. O sorriso das pescadeiras e o Riazor mariachi que xace inconsciente nas Escravas, todo isto será restaurado, tamén, nas vosas cabezas alucinadas. Todo cadra: voltan os amigos, cada semana chegan caras novas, a tempo, listas pra almorzar con Luisinho. Todo cadra: á cidade devastada chegaron os roxos, Sidnei poñendo a man no pito e Víctor Sánchez del Amo, contento, promesa dun vello romance. O esqueleto deportivista érguese outra vez pra bailar a conga, davos a man e divos que miredes alá ao lonxe, mais alá das Sisargas, porque Lucas chega remando na barca. O louco del, rompendo a baralla! Parádesvos nunha esquina e sentides o tremor. Lembrades o chio do estadio cando batíades cos pés no cemento, as cervexas aceleradas, a luz de festa na avenida da Habana. “Voltará!”, dicides sinalando co dedo unha publicidade calquera da ronda de Nelle, voltará a luz por riba do asasinato do fútbol, dos adestradores retardados, dos burócratas, dos bares modernos, do murmurio imbécil que estivo a piques de esmagar o voso niño máxico. Despois dunha temporada noxenta tedes a sensación de que algo excitante nace. Se non nace, inventádelo. Sodes uns desquiciados e con só pensar no renacer babádesvos todos. Sodes do que non hai e ides cara o matadero dando unhas caladas, co deportivismo como arma contra a descomposición do que amades. A partir de agora, e por terceira (?) temporada consecutiva, dicímosvos que tedes aqui unha cachimba da ostia, ben grande e pintada coas cores da fe, pra que fumedes cando queirades. Pasarémolo ben sacando o coitelo, soñando epilépticos, poñendo a Radchenko de alcalde de Oleiros e correndo cara a imaxe sagrada de Álex Bergantiños. Na casa dos que, como vós, non se renden. Un biquiño.

Anuncios

Atropella a alguien.

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s